Estatutos Foanpas

 

 
Principal
 
Centros/Anpas
 
Novas
 
Comedores
 
Foro
 
Lexislación
 
FAQ
 

Enlaces

Estatutos

 

Google


ENVÍA ESTA PÁXINA
 A UN@ AMIG@
Indica seu e-mail:



 

            Click aquí  Añadir a favoritos  Click aquí  Páxina de Inicio

 
 

ESTATUTOS DA FEDERACIÓN OLÍVICA DE ASOCIACIÓNS DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS/AS (FOANPAS)

  

CAPÍTULO I – DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo. 1

Coa denominación de FEDERACIÓN OLÍVICA DE ASOCIACIÓNS DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS/AS DE VIGO E COMARCA constitúese unha entidade ó abeiro da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, e normas complementarias, con capacidade xurídica e plena capacidade para obrar, carecendo de ánimo de lucro.

 

Artigo. 2

Esta federación constitúese por tempo indefinido.

 

Artigo. 3-  Quen a forma,  e os  seus fins

A federación está formada en exclusiva por ANPAS procedentes do ensino público,  que aceptan os principios nos que se fundamenta esta Federación:

Conquerir  un ensino público de alta calidade e gratuíto que desenvolva a personalidade humana  no respecto aos principios democráticos, e as liberdades fundamentais,  centrado no pais e aberto ao mundo e formando no respecto do pluralismo e da convivencia.

 

Artigo. 4- Principio da autonomía dos asociados

a)    A Federación respecta a autonomía de cada unha das asociacións de nais e pais asociadas, sen  imiscuirse nos seus asuntos internos.

b)    A Federación  non é responsábel dos actos individuais que programen as asociacións federadas,  nin pode reclamar a ningún asociado que adopte ou apoie acordos que vaian contra os seus intereses,  nin apoiar a ningunha ANPA asociada en prexuízo de outra ou contra outras.

 

Artigo.5 – Principio da igualdade dos asociados

A Federación ten como baseamento o principio de igualdade de todas as ANPAS que a forman.

 

Artigo. 6- Principio da liberdade de asociación

A ligazón ou separación de cada ANPA na/da  Federación   é libre e  voluntaria.

 

Artigo. 7- Principio de Independencia

Ningunha asociación  nin directivo  pode utilizar a FOANPAS en defensa de intereses particulares  e persoais  ou con fins partidistas.

FOANPAS e independente de calquera organización política.

  

CAPÍTULO II - DENOMINACIÓN, OBXECTO, DOMICILIO E ÁMBITO TERRITORIAL

 

Artigo. 8- Denominación:

FEDERACIÓN OLÍVICA DE ASOCIACIÓNS DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS. (FOANPAS)

 

Artigo. 9- Obxecto:

FOANPAS ten por obxecto:

a)    Coñecer a situación do ensino público, e divulgar no seu ámbito todas aquelas medidas e actuacións que axuden ao seu desenvolvemento de conformidade co disposto no artigo 3º.

b)    Representar e defender ás ANPAS federadas e os seus intereses, para a defensa e mellora do sistema público de ensino.

c)     Colaborar coas autoridades educativas da Consellería de Educación, do Concello de Vigo  e de outros concellos do seu ámbito, participando en todos os organismos e consellos, facendo suxestións, propostas e informes nos que se recolla as opinións do colectivo dos pais e nais no sistema educativo, e establecendo convenios e concertos para o mellor cumprimento dos nosos obxectivos.

d)    Fomentar a creación de Consellos escolares municipais en todos os concellos do noso ámbito.

e)    Potenciar e coordinar  os esforzos e inquedanzas e aspiracións  de todas as ANPAS que pertencen à Federación.

f)      Potenciar a formación de ANPAS en todos os centros  e niveis así como a integración das mesmas na Federación.

g)    Asociarse con outras Federación  a nivel autonómico, estatal e europeo, sempre que teñan os mesmos fins e  natureza;  ou impulsar a creación dunha Federación de federacións a  nivel  provincial e autonómico que sendo da mesma natureza recolla os nosos fins e obxectivos,  e que garante a nosa participación e/ou leve as nosas propostas a todos os organismos de ámbito superior ao do noso territorio de actuación.

h)     Promover toda clase de actividades culturais e formativas que sirvan para potenciar a formación integral dos nenos e nenas e dos seus pais e nais.

i)       Concibir a lingua e cultura de Galicia  como o xeito de sermos e estarmos os galegos  no mundo e eixo vertebrado dun ensino de calidade.

j)      Potenciar a participación de nais e pais nos consellos escolares e a colaboración franca coas equipas directivas dos centros,  na procura do ensino público de alta calidade.

  

Artigo. 10-  Domicilio:

O domicilio social de FOANPAS establécese de conformidade co convenio vigorante co Concello de Vigo,  no Instituto Municipal de Educación, Camiño do Chouzo s/n  C.P. 36208,  na cidade de Vigo, provincia de Pontevedra.

 

Artigo. 11-Ámbito territorial:

O ámbito territorial de FOANPAS,  é  o do Concello de Vigo e os  da súa entidade metropolitana.

 

CAPÍTULO III- DOS ASOCIADOS

 

Artigo. 12-  Quen  pode ser membro:

Poden ser membros de FOANPAS todas as ANPAS de centros públicos do seu ámbito territorial legalmente constituídas, que formalmente o soliciten.

 

Artigo .13-  Da adquisición da condición de membro:

O procedemento de adquisición da condición de membro de  FOANPAS  implica:  solicitude por escrito, dirixido ao presidente de FOANPAS, coa seguinte documentación:

a)    Certificación da Acta da Asemblea ou do acordo da Xunta Directiva da ANPA (de conformidade aos seus estatutos), no que se acordou  o ingreso na Federación.

b)       Domicilio e características do centro educativo e da sede social da ANPA, e os seus  teléfonos.

c)       Relación nominal dos membros da Xunta Directiva da ANPA, cos seus cargos e enderezos.

d)      Copia dos Estatutos legalizados.

 

Si no prazo dun mes desde a entrega da solicitude,  por parte de FOANPAS  non se pon reparos motivados a súa admisión, esta enténdese producida. 

A inadmisión que terá que ser motivada,  é recorrible ante  a  primeira Asemblea Xeral de FOANPAS.

 

Artigo. 14- Da perda da condición de membro:

A perda da condición de membro de FOANPAS, prodúcese polas seguintes causas.

a)    Por vontade da ANPA asociada, a medio de acordo adoptado de conformidade aos seus estatutos e comunicado formalmente.

b)    Por incumprimento das obrigas económicas como entidade asociada, e logo da reiteración da petición de subsanación da carencia.

c)     Por incumprimento doutras obrigas derivadas  da súa asociación e dos presentes estatutos.

A expulsión  dunha entidade asociada por causa do punto c)  debe ser acordada por maioría de 2/3 dos membros da Directiva de FOANPAS,  e ratificada por maioría absoluta  no primeiro Plenario,  ata a súa  ratificación o acordo terá carácter provisorio.  O acordo de expulsión de conformidade coa menor gravidade dos feitos pode estar limitado de un a tres cursos escolares.

A  expulsada é responsábel das obrigas económicas contraídas legalmente pola Federación  no seu tempo de pertenza, e na súa parte alícuota,  e perde cantos dereitos lle corresponden sobre os bens e dereitos  colectivos da Federación.

Poderá recorrer o acordo de expulsión ante a primeira Asemblea Xeral.

 

Artigo. 15- Dereitos dos/as asociados/as:

a)    Participar con voz e voto nas Asembleas Xerais e nos Plenarios.

b)          Ser electos para cargos directivos da Federación.

c)           Recibir información sobre temas educativos e culturais de interese para o noso colectivo.

d)          Participar nos beneficios que lle correspondan  pola participación na Federación.

e)          Calquera dereito que se derive dos presentes  Estatutos.

 

Artigo. 16- Deberes dos/as asociados/as:

a)          Cumprir os Estatutos e acordos da Asemblea Xeral e dos Plenarios.

b)          Contribuír coa contribución económica que proporcionalmente ao volume do centro se fixe.

c)           Comunicar anualmente no primeiro trimestre as variacións na Xunta Directiva da ANPA asociada e o nº de alumnos e alumnas do centro e de familias asociadas.

 

CAPÍTULO IV - ÓRGANOS DE GOBERNO

 

Artigo. 17- Os órganos de goberno

Os órganos de goberno da Federación son:

a)          A Asemblea Xeral.

b)          A Xunta Directiva, órgano colexiado en que a asemblea delega o goberno da asociación.

 

Artigo. 18- A Asemblea Xeral

a)          A Asemblea xeral é o máximo órgano de FOANPAS, e estará formada por tódolos seus integrantes. O/A presidente/a e o/a secretario/a serán os mesmos que os da Xunta Directiva.

b)          A asemblea xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces ó ano, ó principio e ó final de curso, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva. 

Artigo. 19

A Asemblea Xeral ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación pola Presidencia da asociación, e deberá ser notificada por escrito ós/as asociados/as.

Na convocatoria han de aparecer o lugar, data e hora da asemblea, así como a orde do día con expresión concreta dos temas para tratar e os anexos que procedan. Tamén haberá de sinalarse a hora da segunda convocatoria, sen que entre a primeira e a segunda convocatoria poda mediar un prazo inferior a media hora.

 

Artigo. 20

Para que as Asembleas podan tomar acordos, estarán integradas polos/as  asociados/as asistentes, sempre que concorran a metade máis un do total de asociados/as na primeira convocatoria ou con calquera número de asociados/as asistentes na segunda convocatoria.

 

Artigo. 21

Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen ós negativos, non serán computables os votos en branco nin as abstencións.

Será precisa a maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade destas, para:

a)    Ratificar a expulsión das e dos asociados por proposta da Xunta Directiva.

b)    Aprobar a federación con outras federacións.

c)     Solicitar a declaración de utilidade pública.

 

Artigo. 22-  Competencias da Asemblea xeral ordinaria:

a)    Aprobar as actas da Asemblea anterior.

b)    Fixar as liñas de actuación da Federación.

c)     Aprobar o Orzamento e os estados de ingresos e gastos.

d)    Fixar as cotas.

e)    Resolver os recursos e reclamacións que se formulen  ante à  Asemblea  Xeral contra acordos de Órganos da Federación.

f)          As sancións nos termos destes Estatutos.

g)    Aprobar calquera medida de contido económico  como: préstamos, alugamentos.

h)    Calquera outra decisión que se derive dos presentes Estatutos.

 

Artigo. 23

A Asemblea  Xeral Extraordinaria,  é convocada  pola  Xunta Directiva  por acordo da maioría absoluta dos seus membros,  ou a petición de un tercio da ANPAS asociadas; e nela procede:    

a) Fixar cotas ordinarias  extraordinarias.

b) Aprobar ou modificar os Estatutos da Federación.

c) Aprobar a incorporación de FOANPAS a unha Federación de ámbito superior, ou o seu abandono.

d) Tomar a iniciativa FOANPAS  de o establecemento dunha nova Federación a nivel  provincial e autonómico.

e)    Disolver a Federación.

f)    Elixir, confirmar ou reprobar  os membros da Xunta Directiva.

g)    Calquera asunto correspondente a Asemblea Xeral ordinaria que pola sua urxencia estime a Xunta Directiva.

 

Artigo. 24

Os acordos adoptados conforme cos preceptos anteriores obrigarán a todos e todas os/as asociados/as, mesmos ós non asistentes.

As sesións comezarán coa lectura por parte do secretario/a da acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada. A continuación comunicará a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que corresponda, procedéndose á súa aprobación nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia que se trate.

Unha vez rematados tódolos asuntos da orde do día abrirase, se así o considera oportuno o/a presidente/a ou o solicitan un 10% dos asociados inscritos no libro de membros, a quenda de preguntas e suxestións. Concluídos este punto, o/a presidente dará por rematada a sesión.

 

Artigo. 25- Poderase recorrer contra os acordos que vaian contra destes estatutos ou infrinxan os fins da federación en reposición perante a Asemblea xeral. A partir da resolución deste recurso quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

 

Artigo.26

A Xunta Directiva

A Asociación será xestionada e representada por unha Xunta Directiva composta por: presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a, tesoureiro/a e vocais. 

Tódalas persoas que compoñen a Xunta Directiva deberán ser asociados/as, maiores de idade, estar en pleno uso dos dereitos civís e non estar incursos nos motivos de incompatibilidade establecidos pola lexislación vixente.

Tódolos cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos sen perxuizos do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados.

Os cargos deberán ser designados e revocados pola Asemblea Xeral extraordinaria e o seu mandato terá unha duración de 2 anos e poderán ser reelixidos.

        

Artigo. 27

Dos membros da Xunta Directiva

Os membros da Xunta Directiva cesarán na súa función polas seguintes causas:

a)    Por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.

b)    Por expiración do mandato.

c)     Por incumprimento das obrigas que tiña encomendadas.

 No caso a) continuarán nos seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación de quen os substitúa.

   Artigo. 28

A Xunta Directiva reunirase con carácter ordinario unha vez ó mes e con carácter extraordinario cantas veces o determine a Presidencia ou por petición de calquera dos seus membros.

As convocatorias realizaranse como mínimo con tres días de antelación mediante citación persoal na que se recollerá a orde do día.

Realizada a convocatoria, a xunta quedará constituída pola asistencia da metade máis un dos seus membros e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. No caso de empate, o voto do/a presidente/a será de calidade.

 

Artigo. 29

Son facultades da Xunta Directiva:

a)           Executa os Acordos da Asemblea Xeral.

b)          Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da asociación, acordando realizar os oportunos contratos e actos.

c)           Convocar as Asembleas xerais.

d)          Formular e someter a aprobación da Asemblea xeral o programa de actuación, así como a memoria de xestión correspondente.

e)          Formular e someter a aprobación da Asemblea xeral o orzamento do exercicio, así como os balances e as contas do exercicio pechado.

f)                   Resolver sobre a admisión de novos/as asociados/as.

g)          Crear comisións de traballo co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos e actividades ou recadas delas informacións necesarias. Ó cargo destas comisións designarase un membro da Xunta Directiva.

h)          Designa cargos  e representantes en organismos, e adopta os acordos que lle corresponder de acordo con estes Estatutos.

i)                    Interpretar os estatutos e o Regulamento de réxime interno e velar polo seu cumprimento.

k)    Calquera outra facultade que non sexa de exclusiva competencia da Asemblea xeral.

 

Artigo. 30

O presidente/a

O Presidente ou Presidenta da Federación terá as seguintes atribucións:

a)          É a representación legal e pública da Federación perante calquera organismo público ou privado.

b)          Preside e da por rematadas as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea xeral, dirixir as deliberacións dunha e doutra, e dicir con voto de calidade en caso de empate.

c)           Adopta as medidas necesarias e/ou urxentes para o bo funcionamento da Federación, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.

d)          Ordenar os pagamentos acordados validamente.

e)          Asinar as actas, certificados, pagos e outros documentos da asociación xunto co secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

 Artigo. 31

O Vicepresidente/a

É un órgano persoal de apoio ao Presidente, e substitúe a este en caso de vacante, ausencia ou enfermidade. De producirse a dimisión do Presidente pasa a ocupar a Presidencia, ata que o se acorde a elección de novo Presidente/a  e  Vicepresidente/a.

 

Artigo. 32

O Tesoureiro/a

a)    Exerce a dirección dos traballos de xestión económica da asociación,  custodia os fundos,  leva os libros contables e os inventarios.

b)    Elabora os orzamentos, as contas anuais e os balances perante a Xunta Directiva, custodia os xustificantes dos pagamentos e dos ingresos.

c)    Xunto co Presidente/a ou persoa delegada polo mesmo, asina  os talóns bancarios.

 

Artigo. 33

O Secretario/a

a)    Recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, leva o rexistro de asociacións federadas e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade.

b)    Notificará as convocatorias, levantará  acta das reunións,  expedirá certificación destas co visto e prace do presidente/a, despachará o corroio ordinario, e arquiva a documentación.

c)    Convoca as reunións coa orde do días  con o visto e prace do Presidente/a.

 

Artigo. 34

Os Vocais

               Os vocais/as vocais no número que determine a Asemblea Xeral terán as seguintes atribucións:

a)      Realizar programas e proposta na súa área de actuación.

b)      Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

        

Artigo. 35-

Persoal de apoio e colaborador

         A Xunta Directiva poderá propor que  persoas  que  se encontren ligadas ao ensino público participando dos seus fins e obxectivos,  e que de forma  voluntaria estean dispostas a colaborar con FOANPAS, teñan o estatuto de colaborador, como persoas de apoio.

A estas  persoas por parte da Xunta Directiva, pódenselle atribuír funcións de apoio concretas,  ou especiais e sectoriais.

         No caso de atribuir-lle unha función concreta  poderá participar nas reunións da Xunta Directiva con voz e sen voto.

A Xunta Directiva pode cesar ao persoal colaborador en calquera momento.

  

CAPÍTULO IV- RECURSOS ECONÓMICOS

 

Artigo. 36

A Federación como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderá distribuír os recursos obtidos entre os/as asociados/as, senón que, deberán destinarse exclusivamente dos seus fins.

 

Artigo. 37

O exercicio da Federación será de ano escolar. Así o seu orzamento será de curso lectivo e deberá ser aprobado pola Asemblea xeral ordinaria do exercicio económico que corresponda e a liquidación do orzamento terase que presentar necesariamente, na Asemblea xeral ordinaria inmediatamente posterior ó remate do exercicio.

 

Artigo. 38

Anualmente e con referencia ó derradeiro económico de cada ano, practicarase o inventario e o balance de situación, que se formalizará nunha memoria que será posta a disposición dos/as asociados/as durante un prazo non inferior a 15 días do día sinalado para a Asemblea xeral ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.

 

Artigo. 39

Os seus recursos  económicos están constituídos  por:

a)    Cotas ordinarias e extraordinarias.

b)    Donativos e subvencións que poidan conceder organismo públicos, entidades privadas ou particulares.

c)     Ingresos para a xestión de labores, asumidas con motivo de asinar convenios ou acordos.

d)    Enaxenación de activos, ou contribucións dos socios.

e)    Calquera outro que sexa lexítimo en dereito pola normativa para actividades non lucrativas.

 

Artigo. 40

Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a federación os ten depositados, deberá a entidade bancaria ter recoñecidas as sinaturas que corresponden ó/á presidente/a, e o/a vicepresidente/a ou tesoureiro/a, para o seu emprego conxunto.

  

CAPÍTULO V- MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

Artigo .41

Os presentes estatutos poderán ser modificados por proposta da Xunta Directiva ou un cuartos dos/as asociados/as.

A convocatoria da Asemblea xeral extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 10 días para que calquera asociado/a poida dirixirlle á Secretaría as propostas ou emendas que considere oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días a súa realización.

 

Artigo .42

Para ser aprobada a reforma dos estatutos será necesario o voto favorable de 2/3 dos membros da asemblea xeral de asociados/as.

 

Artigo .43 

A Disolución de FOANPAS  requirirá:

a)    Vontade por dous tercios dos/as asociados/as, e sempre que o outro tercio non asuma a súa xestión e continuidade. 

b)    Por  disposicións legais de obrigado cumprimento.

c)     Por sentencia xudicial.

 

Artigo. 44

A aprobación da disolución, inviste a Xunta Directiva  como órgano liquidador que  deberá inventariar  todo o pertencente a FOANPAS  e tras facer liquidacións das posibles cargas existentes, deberá facer entrega do noso material  e activos, entre as ANPAS do noso ámbito de acordo coas súas necesidades.

 

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

En todo canto non estea previsto nos presentes estatutos, aplicarase a vixente Lei 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e as disposicións complementarias.

 


FOANPAS.
Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumn@s. 

correo electrónico